Tódo los que teñen familiares enterrados no cemiterio limpan as sepulturas, adórnanas con flores e acenden unha lámpada de aceite. As luces acesas son símbolo de vida. As flores son tamén símbolo de vida e ó mesmo tempo son un regalo que se lles leva ós defuntos do mesmo xeito que se lles soe levar ós vivos.

Nalgunhas parroquias, por exemplo na comarca de Arzúa, o crego percorre o cemiterio rezando responsos polos defuntos. Moitos confesan e comungan para gañar unha indulxencia plenaria para os seus familiares mortos. En Vilaza e Camos os que comungaron asisten a unha parva –con chocolate, pan, pastas e viño doce- que se custea pedindo pola parroquia. En Xironda e en Laíño os veciños levan á igrexa cereais, patacas e outros productos da terra como ofrenda polos defuntos. En Santa Marta de Moreiras no mes de defuntos a xente reza polas ánimas o rosario na casa.

Ademais do magosto profano, que organizan durante os meses de outubro e novembro no souto, nunha casa ou no forno comunal, existe un magosto relacionado cos defuntos, e que celebran o día de Tódolos Santos.

Foi costume en toda España, e en Italia, comer castañas cocidas e asadas no cemiterio e tamén na casa. En Portugal ás doce da noite, poñen unha mesa con castañas para os mortos. En Asturias deixan unhas poucas castañas do magosto para que as coman os defuntos. En Galicia, no período 1926-1965, consérvase este costume en poucos lugares.

A principios de século en Viana do Bolo a tarde do primeiro día de novembro os veciños, con boa provisión de viño, ían ó souto a prepara-lo magosto. Á hora de volver, deixaban o lume aceso para que as ánimas que acudiran á festa puideran quentarse. En Viveiro fan colares de zonchos –castañas cocidas coa casca-, que os rapaces comen. En Xavestre, parroquia na que xa non hai magosto, varren a lareira e deixan sobre a mesa, igual que en Noiteboa, comida e tantas lámpadas de aceite como defuntos teña a familia.

Na cultura tradicional simbolizan a vida perdurable dos defuntos por medio de plantas sempre verdes ou de longa vida. O castiñeiro, unha das árbores máis lonxevas da flora europea, é un acertado símbolo da eternidade. Así pois, comer castañas o día de Tódolos Santos, ademais de ser un auténtico pracer, equivale a unha manifestación pública de fe na vida eterna.

Tomado de: X. R. Mariño Ferro, Antropoloxía de Galicia, Vigo-Xerais 2000, 488-489.

Anuncios